Menuda sorpresa tivemos hoxe!!!! Mentres estabamos lendo con Pipo, entraron pola porta dous peregrinos. As súas caras resultáronnos algo familiares porque, claro estaba, eran o profe Diego e a profe Mª José disfrazados. Diego viña co traxe de peregrino antigo e Mª José co actual. Como cambiaron as cousas!
Sabiades que antigamente os peregrinos levaban unha capa que case lles servía para todo: para tornarlles o frío e a calor, para durmir sobre ela ou a modo de manta ... Ademais, tiñan un gorro que tanto os protexía do sol como da choiva pola súa forma tan peculiar. Gardaban aquelas poucas cousas que necesitaban nunha bolsiña chamada zurrón. Para camiñar axudábanse dun bastón ao que tamén denominaban bordón e nel amarraban unha cabaza seca na que levaban auga fresquiña para beber ou senón empregaban unha cuncha de vieira para coller auga dos regatos e calmar a sede.
Os peregrinos de hoxe en día van moi ben equipados con roupa moi cómoda e diferente dependendo de se fan o Camiño no inverno ou no verán. Cargan cunha pesada mochila na que levan todo o que necesitan como, por exemplo, un saco de durmir, un chuvasqueiro ou unha cantimplora. Colgadas da mochila sempre levan unhas chanclas para sacar as botas cando chega a noite e relaxar un pouquiño os pés. A cuncha que levan pendurada do pescozo xa non a precisan para nada pero lévana como símbolo do Camiño de Santiago.
No hay comentarios:
Publicar un comentario