martes, 8 de marzo de 2022

COMO FACER O CAMIÑO

Hoxe, coa profe Mª José, fixemos un conto motor co que aprendemos que hai moitas formas de facer o Camiño. Bueno, algunhas delas  un pouquiño imposibles. A ver se as descubrides porque nós xa o fixemos.

CONTO: O Rato Renato fai o Camiño.

Había unha vez un rato que se chamaba Renato e había moito tempo que tiña ganas de facer o Camiño de Santiago, así que unha mañá, tan pronto espertou, decidiu que ese era un bo día para lanzarse á aventura.



Lavouse, vestiuse, almorzou e foi ao garaxe para coller o coche que o levaría ata Santiago.


Conduciu, conduciu e conduciu... ata que o coche se lle estragou así que alí, no medio do camiño, o deixou. E o pobre rato Renato triste e desolado quedou e camiñou, camiñou e camiñou...



ata que de súpeto, sabedes o que atopou? Un patinete! Subiuse nel e patinou, patinou e patinou...




ata que o patinete se lle estragou así que alí, no medio do camiño, o deixou. E o pobre rato Renato triste e desolado quedou e camiñou, camiñou e camiñou... ata que de súpeto, sabedes o que atopou? Uns zapatos de tacón! Do contento que se puxo, saltou. E cos zapatos de tacón nos pés, camiñou, camiñou e camiñou... 



ata que un zapato se lle estragou así que alí, no medio do camiño, o deixou. E o pobre rato Renato triste e desolado quedou e camiñou, camiñou e camiñou... ata que de súpeto, sabedes o que atopou? Unha bicicleta! Montou na bici e pedaleou, pedaleou e pedaleou...



ata que a bicicleta se lle estragou e alí, no medio do camiño, a deixou. E o pobre rato Renato triste e desolado quedou e camiñou, camiñou e camiñou... ata que de súpeto, sabedes o que atopou? Unha piragua! Montado na piragua, remou, remou e remou...


ata que un remo se lle estragou, así que alí, no medio do camiño, o deixou. E o pobre rato Renato triste e desolado quedou e camiñou, camiñou e camiñou... ata que de súpeto, sabedes o que atopou? Un cabalo! Montado no cabalo trotou, trotou e trotou...


ata que trotando por fin a Santiago chegou. Ao santo abrazou...



e na praza do Obradoiro se tumbou.




FIN
( Baseado en Cuentos para Matilda. El Viaje.)

Descubristes en que cousas é imposible facer o Camiño de Santiago? Estaba claro que non se pode facer nin en patinete nin en zapatos de tacón nin en piragua. A profe Mª José quería enganarnos pero nós somos moi listos.

Tamén nos dixo que as personas discapacitadas poden facer o Camiño en cadeira de rodas e quixemos probar.




Que difícil é! Eses si que son heroes.






viernes, 4 de marzo de 2022

A MOCHILA

Xa víramos o día no que o profe Diego e a profe Mª José se disfrazaron, que a mochila dun peregrino pode levar dentro moitas cousas. Pero hoxe descubrímolo moito mellor. Fixemos un xogo no que tiñamos que adiviñar que había dentro dunha mochila. Só un compañeiro ou compañeira podía mirar e tiña despois que dicirnos o que había sen pronunciar o nome do obxecto que vira. Queredes xogar?

- É unha cousa  alongada e ten moitos botóns. Serve para  encender e apagar a televisión. Que é?

- O mando.

- É unha cousa que serve para que o peregrino leve dentro auga. Que é?

- Unha cantimplora.

- É unha cousa que parece un reloxo pero non nos di a hora senón que nos axuda a non perdernos.

- O compás.

- É unha cousa que serve para pintar as uñas. Que é?

- Un pintauñas.

- É unha cousa que serve para botar polo corpo e que o sol non nos queime, como cando imos á praia.

- A crema solar.

- É unha cousa que serve para poñer nas orellas e estar máis guapos e guapas.

- Uns pendientes.

- É unha cousa parecida a unha maleta na que metemos cousas, como tiritas para, en caso de  mancarnos, poder facer as curas. 

- O botiquín.

- É unha cousa que serve para protexernos da choiva e non é un paraugas.

- O chuvasqueiro.

- É unha cousa que serve para quitarlle os corchos ás botellas.

- Un sacacorchos.



Moitas cousas tiña dentro esta mochila! Pero vimos que moitas delas non son necesarias para facer o Camiño. Para que quere un peregrino un mando da tele, un pintauñas, uns pendientes ou un sacacorchos? O que sí necesita é...



                     CANTIMPLORA                                            COMPÁS                                                                     

                                                   CREMA SOLAR


               BOTIQUÍN                                               CHUVASQUEIRO


Ademais de moitas outras como....


(Imaxe quitada de http://caminosantiago.webcindario.com/)

miércoles, 2 de marzo de 2022

O TRAXE ANTIGO

Cremos que quedou ben claro que, aínda que somos moi modernos, o traxe de peregrino que máis nos gustou foi o traxe antigo. Por iso decidimos vestirnos  hoxe con el. Estamos guapísimos.









lunes, 21 de febrero de 2022

PEREGRINOS.

Lembrando  a  visita  do  outro    día      dos     peregrinos,   fixemos     uns   debuxos.




 








Que chulos nos quedaron, non vos parece?

miércoles, 16 de febrero de 2022

SORPRESA!!!

Menuda sorpresa tivemos hoxe!!!! Mentres estabamos lendo con Pipo, entraron pola porta dous peregrinos. As súas caras resultáronnos algo familiares porque, claro estaba, eran o profe Diego e a profe Mª José disfrazados. Diego viña co traxe de peregrino antigo e Mª José co actual. Como cambiaron as cousas!




Sabiades que antigamente os peregrinos levaban unha capa que case lles servía para todo: para tornarlles o frío e a calor, para durmir sobre ela ou a modo de manta ... Ademais, tiñan un gorro que tanto os protexía do sol como da choiva pola súa forma tan peculiar. Gardaban  aquelas poucas cousas que necesitaban nunha bolsiña chamada zurrón. Para camiñar axudábanse dun bastón ao que tamén denominaban bordón e nel amarraban unha cabaza seca na que levaban auga fresquiña para beber ou senón empregaban unha cuncha de vieira para coller auga dos regatos e calmar a sede.




Os peregrinos de hoxe en día van moi ben equipados con roupa moi cómoda e diferente dependendo de se fan o Camiño no inverno ou no verán. Cargan cunha pesada mochila na que levan todo o que necesitan como, por exemplo, un saco de durmir, un chuvasqueiro ou unha cantimplora. Colgadas da mochila sempre levan unhas chanclas para sacar as botas cando chega a noite e relaxar un pouquiño os pés. A cuncha que levan pendurada do pescozo xa non a precisan para nada pero lévana como símbolo do Camiño de Santiago.




Tamén nos deixaron un papeliño todo cuñado e dixéronnos que un día destes a nosa profe xa nos contaría como se chama e  para que serve.


 Bo camiño, peregrinos!!!

viernes, 11 de febrero de 2022

O CAMIÑO PASA POR LALÍN

Agora xa sabemos que dúas desas rutas pasan polo noso concello, Lalín. Son o Camiño de Inverno e a Vía da Prata.

  • O Camiño de Inverno chámase así porque é a alternativa que empregan os peregrinos do Camiño Francés durante esa estación para evitar a neve que se atopa nas montañas do Cebreiro e que dificulta ou imposibilita a súa andaina.
  • A Vía da Prata ven de Andalucía e o seu nome procede da palabra que antigamente empregaban os árabes para referirse a un camiño empedrado. 
Despois de aprender todo iso, fixemos uns xogos moi chulos nos que tiñamos que guiar unha boliña polo camiño cara Santiago facendo que pasara, por suposto, por Lalín.






jueves, 3 de febrero de 2022

AS RUTAS

Hoxe, na clase de psicomotricidade, aprendemos que os peregrinos para chegar a Santiago poden facelo por moi diferentes camiños dependendo de onde veñan. A eses camiños chamámoslles rutas. Son todas moi distintas xa que nelas podemos atopar unha gran diversidade paisaxística, cultural e patrimonial.

  • Camiño Francés.
  • Vía da Prata.
  • Camiño Inglés.
  • Camiño Primitivo.
  • Camiño do Norte.
  • Camiño Portugués.
  • Camiño de Inverno.
  • Camiño Portugués da Costa.
  • Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla.
  • Camiño de Fisterra e Muxía.


E como non!!! Nós, como bos peregrinos, tamén fixemos as diferentes rutas. Primeiro saltando...




E despois movendo un boneco polos diferentes camiños coa axuda dun imán.
Foi moi divertido!!!

FIN DO CAMIÑO

Hai case nove meses que iniciamos esta aventura, unha aventura que hoxe chega ao seu fin. Durante todo este tempo percorremos sendeiros e ca...