Hoxe, na clase de psicomotricidade, a profe Mª José quixo que fixeramos algúns xogos relacionados co conto que nos contara onte.
O XOGO DA CADEIRA.
Primeiro fixemos o típico xogo da cadeira. Tiñamos que movernos arredor das cadeiras mentres a profe tocaba o pandeiro. Cando o pandeiro deixaba de soar, tiñamos que sentarnos moi rápido.
Enriba de cada cadeira había unha etiqueta co nome dun neno ou dunha nena. Eran todos diferentes e ningún era o noso pero cinco coincidían cos nomes dos personaxes do conto. Ai, que importante é saber ler!!!
A quen lle tocaran tiña que levantarse, coller o boneco correspondente e colocalo na súa liteira segundo dicía o conto. Podía ser na 1ª, 2ª, 3ª, 4ª ou 5ª.
O SACO REBULIDEIRO.
O seguinte xogo foi moi divertido. Resulta que había moitas boliñas tiradas polo chan da aula. Nelas a profe escribira o nome de SABELA, XIAN, PEPA, MANOLO e MONCHO, os personaxes do conto. Ao mesmo tempo, cinco compañeiros/as eran o saco de durmir, cada un dunha cor diferente. Ao tocar a pantalla, saía unha frase que tiñamos que ler. Por exemplo, "Pepa durmiu no saco azul ". Neste caso tiñamos que buscar as pelotas que poñían Pepa e metelas dentro do saco azul pero había un problema; o saco era un pouco rebulideiro e non quería que ninguén se metera dentro así que escapaba correndo. Que difícil era pillalo!! Fixemos o mesmo con todos os personaxes e con todos os sacos.